Tuesday 21 de May de 2024

Sete contacontos actuarán para o público infantil nos sábados de libro na Biblioteca


A Biblioteca Pública Municipal do Concello de Riveira promove a dinamización da lectura con actividades dirixidas ao público infantil e familiar todos os sábados de abril e maio, nun esforzo por abrir este espazo aos novos lectores ao tempo que se lles recorda que logo de pecharen no período estival as bibliotecas escolares, a Biblioteca Municipal permanece aberta para que veñan buscar cantos libros queiran.

Así o reflectiu a concelleira de Educación e Cultura, Herminia Pouso, durante a presentación esta mañá da programación que, baixo o título “Sábados de Libro na Biblioteca Municipal” darán cabida a un total de sete sesións de contaconto durante os próximos dous meses.

Neste senso, ás 11.00 horas abriranse as portas ás nais e pais cos seus nenos (con idades de 3 a 12 anos) nun ambiente distendido e de diversión e as 12 do mediodía principiarán os espectáculos, que están seleccionados do catálogo do programa Ler Conta Moito da Rede de Bibliotecas de Galicia. Haberá actuacións todos os sábados excepto o de Semana Santa, culminando o último de maio cunha festa da lingua galega ofrecida polo Servizo Municipal de Normalización Lingüística.

Programación

“A historia do Kamishibai”, Juste Kamishibai
Data: 1 de abril de 2017
O kamishibai é unha forma diferente de contar contos procedente de oriente. Esta visualización dos contos axuda a que os pequenos se interesen polo contido e recorden as historias que se lles conten ao velas no teatriño.

“Perder o medo a través da poesía”, María Canosa
Data: 8 de abril de 2017
A magnífica escritora María Canosa fai, por medio da voz dunha nena, que os medos infantís desaparezan grazas á poesía.

“Cantamos un conto na Biblioteca?”, Luis Vallecillo
Data: 22 de abril de 2017
O silencio rómpese na biblioteca coa música e as letras que trae Vallecillo.

“Serie mulleres galegas: Maruja Mallo”, Polo Correo do Vento
Data: 29 de abril de 2017 (no marco Feira da Educación)
Mentres na Biblioteca se homenaxe todo o mes a Maruja Mallo conmemorando o Día das Artes Galegas, Polo Correo do Vento relataranos cousas desta fantástica pintora que segundo din é metade anxo e metade marisco.

En maio continuaremos cos contacontos todos os sábados ás 12.00 h:

“A galiña azul e compañía”, Cris de Caldas
Data: 6 de maio de 2017

“Mans”, Os contos de Pablísimo
Data: 13 de maio de 2017

“O Xigante”, Elefante Elegante
Data: 20 de maio de 2017

“A festa da lingua galega”, Servizo de Normalización Lingüística
Data: 27 de maio de 2017

Día do libro infantil e xuvenil
Por outra parte, Herminia Pouso informou de que este sábado 2 de abril ás 18 horas o Auditorio Municipal acollerá unha representación teatral especial para conmemorar a data do nacemento do escritor Hans Christian Andersen. Así, Teatro da Semente escenificará “Greta e Bela”, nas que as actrices Raquel Queizás e Chus Alvares darán vida ás dúas personaxes a quen se unen monicreques cos que gozará o público infantil e familiar.

No espectáculo únense o teatro actoral, coa manipulación de monicreques e obxectos, o traballo de máscara, o canto e a música.